sábado, 14 de agosto de 2010

A DEMOCRACIA É OUTRA COUSA: os orzamentos participativos

Despois de trinta anos de democracia os cidadáns non nos sentimos partícipes do funcionamento das institucións. Exercer (ou non) o dereito ó voto cada catro anos e aturar o resultado non é suficiente para unha sociedade que pode, e sabe, dar un paso máis. Os veciños podemos ser protagonistas activos do que pasa no seu concello.

Os socialistas cremos que os veciños de Miño teñen dereito a decidir cómo se gastan os cartos do concello, elixindo en que obra e como se leva a cabo esta. Os orzamentos participativos serán un instrumento para combater a corrupción xa que permiten a planificación local con TRANSPARENCIA.



QUE SON OS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS?
Son unha ferramenta creada en Porto Alegre en 1989 que da poder aos veciños libremente para decidir en que se gasta a parte do orzamento municipal que o concello atribúe a cada parroquia ou barrio


CANTOS CARTOS SE PODEN ADMINISTRAR ASÍ?
O pleno municipal decide a partida que manexarán os veciños



EN QUE SE PODE EMPREGAR O DIÑEIRO?
Nunha primeira fase, só en inversións, ou sexa, obras (p.ex. parques, beirarrúas, soterramento de cables, etc) e adquisicións permanentes (vehículos, terreos, etc) aínda que se pode chegar, co tempo e cando o procedemento estea consolidado, a xestionar gastos correntes como actividades, programas e servizos.



INTERVEÑEN OS POLÍTICOS?
Non, o alcalde e os concelleiros só participan coa vontade de iniciar o proceso; despois os técnicos (municipais e/ou externos) asesoran aos veciños durante o proceso.



QUE É NECESARIO PARA APLICAR OS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS?
Primeiro e sobre todo, a vontade dos políticos; despois, que o concello teña capacidade económica para levar a cabo inversións (que non teña os orzamentos municipais prorrogados nin supere o límite que establece a Lei de Estabilidade Orzamentaria).
Tamén unha visión da política local a medio e longo prazo, e o desexo firme de compartir o poder co cidadán.



ISTO É UNHA IDEA OU XA SE APLICA NALGÚN SITIO?
Os orzamentos participativos xa se están a aplicar en concellos como Fene, Ferrol, San Sadurniño, e fora de Galicia en Getafe, Sevilla, Elche, Jerez, Algeciras, San Sebastián...



QUE MELLORAS APORTAN?
Maior intervención dos veciños nas decisións
Maior eficiencia no gasto público
Maior eficacia na xestión municipal




Cremos que en Miño temos exemplos dabondo de cómo malgastar os cartos: en proxectos desmedidos que ninguén  precisa, con presupostos desmedidos que hipotecan as contas por anos, sen contar cos intereses e desexos dos veciños, sen planificación, sen visión a longo plazo.... e moitos máis do resultado desta actitude, coas contas do concello en bancarrota por pretender gobernar Miño de costas (ou directamente en contra) aos cidadáns.




Estamos seguros de que hai futuro, de que se pode gobernar non só para os veciños senon tamén con eles. Porque hai outra forma de facer as cousas.

2 comentarios:

Rodrigo dijo...

A min paréceme unha boa idea. Espero que si gobernades a levedes a cabo e non se quede nun mero post nun blog. Pero ¿ cómo se levaría a cabo? ¿Mediante enquisas por carta? ¿En internet?

Creo que poderíades desenrolar a mesma un pouco máis e comunicala por escrito ben plantexada a todos os veciños nun dos vosos boletíns.

Un saúdo
Rodrigo

socialistas de Miño dijo...

Rodrigo, a nosa intención é aplicalos en Miño en canto sexa posible, e iso será cando as condicións económicas o permitan (que o presuposto municipal non estea prorrogado -como é o caso actualmente- e que non se superen os límites que marca a Lei de Estabilidade Orzamentaria); para levalo a cabo hai diferentes métodos, un serían as enquisas, as reunións con asociacións e veciños, etc. Hai consultoras que se encargan de levar a cabo o proceso de forma independiente da actividade do goberno local, que só da o primeiro paso.
Se precisas máis información non dubides en pedila